«Desde a miña primeira viaxe á Costa da Morte, no verán de 2016, seguindo a metodoloxía da miña experiencia como documentalista, fun coñecendo as persoas clave para crear os personaxes de ficción».
Caderno da directora
Un verán cheguei a pé ata unha pequena aldea da Costa da Morte. Quedei absolutamente fascinada polas súas paisaxes e polas historias da vida dese pobo mariñeiro marcado pola brutalidade do océano que, tal como dixo o pintor Urbano Lugrís, “é o gran depredador, o gran asasino; nas súas entrañas habitan os afogados e das súas entrañas vive a Costa da Morte”.
Atopar un bar aberto foi a maior recompensa. Sentamos nunha mesa e fixeime nun neno de mirada esperta; tiña a mesma idade que o meu fillo mais semellaba ter vivido dúas vidas máis. Non tardou en amosarnos no seu móbil unha reportaxe sobre o perigoso oficio dos percebeiros. Nun instante puiden percibir na súa mirada un brillo especial: el tamén quería ser percebeiro. Nunca esquecerei eses ollos que tiñan toda a paixón polo MAR, adiviñábase o rastro da adrenalina deses homes e mulleres expostos á dureza da morte. Ese neno xa entendera que vivir do mar vai ligado á posibilidade de morrer nel, na gran sepultura aberta que é a Costa da Morte.
Uns días despois o seu tío contounos que os seus pais formaban parte desa xeración perdida da Galicia dos anos 90, onde a tradicional forma de vida vencellada ao mar e á terra era cuestionada pola entrada na Comunidade Económica Europea, e os cartos concedidos sustituían a dureza do mar polo tráfico e o consumo de drogas.
Neste contexto móvese Sica, que quere ser mariñeira coma seu pai e mergúllase nunha dolorosa viaxe de descubrimento, sendo a natureza a única capaz de devolverlle a harmonia á súa vida.
Desde a miña primeira viaxe á Costa da Morte no verán de 2016, seguindo a metodoloxía da miña experiencia como documentalista, fun coñecendo as persoas clave para crear os personaxes da ficción: Rubén Vázquez é Suso. Aos 4 anos viu como o furacán Hortensia arrancou o tellado da súa casa e dende entón convertiuse en cazatempestades. Está convencido de que Ofelia chegará antes do que podemos imaxinar, de feito, o 13 de outubro de 2018 o furacán Leslie, procedente de América, impactou na península por primeira vez na historia, con máis forza ca una sinxela tormenta tropical. E Manuel Tajes é O Rubio, o ex submarinista que rescatou 38 cadáveres do fondo mariño, que coñece coma a palma da súa man.
E así, aos poucos, fun construíndo unha trama de ficción e entendendo que só esta pode ser a paisaxe da historia, así como cales son as motivacións que me levan a filmar en Galicia. Redescubrín que unha non pode escapar das súas obsesións e que a vivencia persoal deixa un rastro tan profundo que inevitablemente traspasa as fendas do proceso creativo: é o caso de NEDAR, a miña ópera prima, onde a historia xira arredor dunha familia de mulleres marcada pola ausencia masculina (o meu avó, fusilado trala Guerra Civil).
Entendín que as pantasmas son coma pastillas de xabón que acaban por escorregar, en cambio as figuras femininas, a nai e a avoa, son coma esculturas pétreas, inamovibles, incondicionais. O vento escúlpeas e desgástaas pero continúan estando presentes. Neste coming of age sucede algo semellante: Sica persegue a pantasma do seu pai creando acción e nesta procura perde a pel da infancia, abríndose paso cara o inevitable desencanto do mundo adulto. Cando se reconcilia coa súa nai, entende que ela sempre estivo aí.
A Costa da Morte, ese recuncho do mundo, condensa neste filme dúas ideas esenciais: a transformación dunha forma de vida históricamente vencellada ao mar de toda unha comunidade e o reflexo dos nosos medos: se non revertimos a tendencia actual viviremos nun planeta con secas e inundacións extremas, treboadas tropicais, é dicir, violencia natural que se traduce en violencia sobre os habitantes máis vulnerables do planeta.
Sica é unha historia universal que busca conectar co público adulto pero tamén co adolescente. Un drama con algo de suspense que atrapa ao espectador seguindo a heroína no seu movemento constante por unha paisaxe que se converte nun personaxe máis, nun dos escenarios de máis beleza da terra, ameazada polo desequilibrio da natureza.
CARLA SUBIRANA
Carla Subirana
Directora, guionista e profesora de cinema na Facultade de Comunicación Blanquerna, así como de másters en varias universidades.
O seu cine atópase a medio camiño entre o documental e a ficción. A súa ópera prima, Nadar (2008), é un filme autobiográfico sobre a memoria histórica e persoal. Proxectouse en múltiples festivais internacionais e é obxecto de estudo en Universidades como Harvard, UMASS, Cardiff University, etc.
Kanimambo (2012), premiada coa Mención Especial do Xurado do Festival de Málaga, e Atma (2016), son a súa primera incursión na curtametraxe e tamén na ficción. Atma recibiu o Premio Nacional de Dança no Fiver 2017.
A figura da muller é central no seu traballo, e ten participado en múltiples mesas redondas sobre cinema e xénero. Ademais, Carla é socia fundadora da asociación Dones Visuals.